A magnitude dos sismos tamén provocou que houbese importantes danos en infraestruturas e servizos esenciais, afectando uns 300 000 edificios e deixando miles de persoas sen vivenda, alimentos, auga e necesitando urxente atención médica e emocional.
En Siria, a traxedia viuse agravada por unha situación xa crítica por mor da guerra civil que sofre o país e que en abril fará 13 anos. Antes do terremoto, 15,3 millóns de persoas xa precisaban de axuda humanitaria e 6,8 millóns vivían como desprazados internos, o que convertía a Siria no país co maior número de desprazados internos do mundo.
Resposta solidaria dende o primeiro momento
Dende Entreculturas e Alboan como membros da Rede Xavier, xunto co Servizo Xesuíta a Refuxiados (JRS), estivemos presentes dende o primeiro momento cunha resposta coordinada e rápida en Alepo, Homs, Kafroun e Damasco para acompañar máis de 44 000 persoas.
Para atender as diversas necesidades das familias afectadas, centrámonos en garantir a seguridade alimentaria, brindarlles apoio psicosocial e ofrecer atención médica.
Atención integral
A asistencia alimentaria foi unha prioridade fundamental na nosa primeira resposta á emerxencia. Distribuímos cestas de alimentos a máis de 11 000 familias para garantir o seu benestar alimentario.
Ademais, tendo en conta as severas condicións invernais en Siria, onde as temperaturas descenden por baixo dos cero graos, distribuímos roupa de abrigo para garantir a protección e o benestar das comunidades afectadas durante o período máis duro do inverno.
O terremoto non só causou necesidades materiais, senón que tamén afectou á xente emocional e mentalmente. Dende as primeiras semanas posteriores ao evento acompañamos constantemente as familias, ofrecéndolles unha axuda personalizada para que poidan facerlle fronte ás dificultades e recuperen o benestar emocional tras os terremotos.
Tamén ofrecemos servizos médicos, a través da Clínica de Emerxencias do JRS, e apoiamos economicamente a aquelas persoas que necesitaban coidados especiais. Isto implicou avaliacións, diagnósticos e, en certos casos, intervencións cirúrxicas.
Impacto do terremoto, na distancia
Pero o terremoto non só supuxo un grande impacto na poboación local, tamén foi un duro golpe para as familias de orixe siria reasentadas en España. Houbo casos de persoas que, malia contaren con familiares e amizades afectados ou falecidos, non puideron prestarlle o apoio, acompañamento ou despedida necesarios. O sistema de protección internacional dificulta o desprazamento das familias refuxiadas e impídelles viaxaren aos países de orixe. Ademais, as persoas perceptoras da RGI, pola súa normativa, non puideron contribuír economicamente á reparación e reconstrución da vida dos familiares e amigos afectados.
Nalgunhas comunidades autónomas, como Navarra e Euskadi, o Servizo Xesuíta a Migrantes apoia os procesos de reasentamento de familias sirias a través do Patrocinio Comunitario. Nestas comunidades, desde Alboan e Entreculturas apoiouse a posta en marcha dun plan de protección e acompañamento ás familias nun momento tan complexo. O plan incluía o desenvolvemento de procesos grupais terapéuticos e a intensificación do apoio técnico e económico aos familiares afectados.
A rede de apoio, que xa se xerara arredor do Patrocinio Comunitario, foi fundamental para o proceso de reparación da dor xerada pola catástrofe. O vínculo comunitario, que se xera entre as familias e os voluntarios do grupo de acollida, é un eixe fundamental no que se ofrece apoio social e afectivo desde a proximidade e a vida cotiá.