Os medios de comunicación e as redes sociais fanse eco da grave situación que atravesa a India, a peor crise sanitaria que coñece desde a súa independencia en 1947.
Os hospitais do país non teñen capacidade para atender os millóns de persoas infectadas. Os medicamentos non son suficientes, o osíxeno escasea, non hai camas suficientes.
As novas infeccións diarias aumentaron un 350 % desde abril e a cifra vai aumentando dun día para outro. A India representa actualmente o 40 % dos contaxios no mundo. O escenario é moi preocupante e a ameaza de que a situación empeore é moi real.
As ONG xesuítas Alboan e Entreculturas, en colaboración coa Red Xavier, rede internacional de organizacións xesuítas para o desenvolvemento, coordináronse para apoiar a comunidades e persoas que actualmente se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade: comunidades de áreas rurais, de barrios marxinais e poboación migrante.
Levaremos a cabo este traballo da man das nosas organizacións socias nos estados de Gujerat, Tamil Nadu, Delhi, Bihar, Jharkhand, Maharashtra, Andhra Pradesh e Kerala.
A nosa resposta inmediata centrarase en:
- Distribución de alimentos.
- Entrega de kits de hixiene e protección.
- Distribución de material sanitario, medicamentos e apoio ao persoal sanitario local.
- Campañas de información e sensibilización para evitar contaxios.